martes, 31 de marzo de 2020

DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Dende o ano 1967, o día 2 de abril celebramos "O Día  Internacional do Libro Infantil", coincidindo coa data de nacemento do autor danés Christian Andersen. un creador de moitos  contos que todos coñecedes: "O parruliño feo", "A Sereiña", "O Soldadiño de Chumbo"...
O (pica no seguinte enlace) IBBY promove esta celebración coa finalidade de fomentar a lectura entre os máis cativos.
A sección patrocinadora deste ano é Eslovenia que difunde a mensaxe de Peter Svetinai co título de "Fame de palabras" coa ilustración de Damijan Stpancic. GALIX, (Asociación do Libro Infantil e Xuvenil), facilítanos a tradución ao galego feita por Héctor Cajaraville: MENSAXE EN GALEGO
Se queredes coñecer a este gran creador de contos ollade o seguinte video:

Para conmemorar este día propoñémosvos que disfrutedes, todos xuntos na casa,  coa lectura.  Nos seguintes enlaces atoparedes contos para disfrutar:

Nos seguintes vídeos escoitaredes e veredes os contos de Andersen:
O parruliño feo
O soldado de Chumbo

 El Ruiseñor

O traxe do emperador
A sereíña

sábado, 21 de marzo de 2020

LECTURAS PARA QUEDAR NA CASA

Lectores, como pasades estes días  nos que temos que estar na casa? O Equipo da Biblioteca quere proporvos diferentes lecturas e actividades para que fagades estes días coa vosa familia.
Así que... Non vos esquezades de ter un momento para a lectura, podédela facer sós ou coas persoas que están convosco na casa, buscade un sitio agradable, ben iluminado e... Gozade coa lectura!
Para os mais pequenos seleccionamos este conto coloreable no que se explica con claridade que é o coronavirus e o por que nos temos que quedar na casa:


No conto Rosa contra el virus coñeceredes a Rosa que vós contará cousas moi interesantes sobre o coronavirus:




No seguinte enlace atoparedes 37 libros en Pdf que podedes ler vós sós ou en compañía:
Libros para nenos


Tamén descubriredes propostas para amenizar estes días:
EU QUEDO NA CASA LENDO





Cando leades un libro non vos esquezades de cubrir a seguinte ficha e, á volta, traédeas para compartilas cos demais compañeiros:

A asociación de autores do cómic ofrécennos publicacións en formato electrónico para axudarnos a pasar estes días. Se queredes ler tebeos picade no seguinte enlace:
TEBEOS


Se queredes relaxarvos, atoparás mandalas para colorear neste enlace:
MANDALAS COLOREAR


Tamén podedes visitar estes museos estando na casa:
PINACOTECA DI BRERA-MILANO

GALLERIA DEGLI UFFIZI-FIRENZE

MUSEI VATICANI- ROMA


MUSEO ARCHEOLÓGICO. ATENE

MUSEO DEL PRADO- MADRID

LOUVRE- PARIGI

BRITISH MUSEUM- LONDRA

NATIONAL GALLERY OF ART-WASHINGTON

Para conmemorar o día das árbores ( 21 de marzo) este conto: El árbol que no tenía hojas 



Esperamos  que colaboredes todos na proposta: TODO VAI SAÍR BEN, na que debedes debuxar un arco da vella e acompañalo coa frase "todo vai saír ben", para que non vos esquezades que despois da tormenta chega a calma e a traquilidade. Debemos ser optimistas e seguro que axiña nos volvemos a ver disfrutando do cole e da biblioteca. 

Esperamos os vosos debuxos



lunes, 16 de marzo de 2020

ACTIVIDADES DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Dende o día 6 e ata o 12 de marzo estivemos realizando diversas actividades por mor da celebración do DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.
1- O alumnado de 5º de primaria participou en dous obradoiros (un para 5º A e outro para 5º B), dedicados á figura da pintora galega MARUJA MALLO. Os talleres foron realizados por unha nai do noso centro, Fatiropina. Comezou falándolles da figura desta gran intelectual e pintora surrealista, muller avanzada da súa época, rompedora das convencións sociais e que non foi o suficientemente valorada, quizais polo feito de ser muller.
Faloulles de como MARUJA MALLO estudara minuciosamente as formas naturais para plasmalas despois nas súas obras, das simetrías das súas naturezas vivas e como empregaba a proporción áurea. Tamén lles explicou o que significa a proporción áurea entre as partes: un patrón que segue a natureza e que se pode observar nas conchas marinas, no crecemento das plantas e no desenvolvemento das flores... A esta propoción atribúenselle calidades harmónicas que inflúen de maneira positiva nas persoas que contemplan un cadro realizado con estas proporcións, xa que existe unha relación co orde na natureza.
A continuación puxéronse mans a obra e pintaron diversos murais baseados en cadros da artista.


(Premede na imaxe para ver a presentación de fotos)

2- Realizaronse murais con distintas temáticas para resaltar o papel da muller: PIONEIRAS, AS MULERES DAS NOSAS VIDAS, NÓS PODEMOS!, O DÍA DA MULLER VISTO POR FORGES... e tamén se colocaron polos corredores reseñas de mulleres destacadas. 







3- Ademais da colaboración de Fatiropina que impartiu o obradoiro sobre MARUJA MALLO, outras nais acudiron ao colexio para falar nas aulas dos seus fillos ou fillas do seu traballo, explicándolles cada unha delas cal era a súa profesión, en que consistía, que dificultades tiveron nos seus traballos... Tamén contestaron as preguntas que lles facían os nenos e nenas... debido a que non se puideron realizar todas as charlas, esperamos continuar con elas o máis axiña posible. 







jueves, 5 de marzo de 2020

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O día 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller, un día para loitar pola igualdade, a participación e o empoderamento  da muller en todos os ámbitos da sociedade, tamén é un día  para reflexionar sobre os avances acadados,  para pedir cambios e para celebrar a valentía e a determinación de moitas mulleres que xogaron un papel clave na historia dos seus países e comunidades. Se picades no seguinte enlace atoparedes a vida de 100 mulleres que cambiaron o mundo: Historia de 100 mulleres que cambiaron o mundo.
Todos os anos se elixe un tema para celebrar esta día, este ano o tema elixido é: " Son da Xeración Igualdade. Polos dereitos das mulleres", seguindo o paso da campaña da ONU mulleres , co mesmo nome (Xeración Igualdadade) e que conmemora o 25º aniversario da Declaración e Plataforma  de Acción de Beijing (1995), a folla de ruta mais progresista para o empoderamento das mulleres e nenas de todo o mundo. Se queredes ler esta declaración picade no seguinte enlace: Declaración 2020 o
Nos seguintes vídeos faise unha breve  a historia deste día:


Para traballar a igualdade temos a seguinte unidade didáctica: Non Mais Desigualdade,  adaptada ás diferentes idades:


Nos seguintes enlaces atoparedes recursos para traballar na aula este día:
RECURSOS: 8 DE MARZO

Recursos Día internacional da muller
8 de marzo: Día da muller


O Equipo da Biblioteca fixo unha pequena selección de libros con esta temática e está á disposición de toda a comunidade educativa no corredor da entrada da Biblioteca.





Unha homenaxe ás mulleres que loitaron pola igualdade:
O seguinte video quere  lembrar   ás mulleres anónimas que non deixaron ningunha pegada nos rexistros oficiais e que sustentaron as súas familias cos materiais que portaban na súa cabeza:

domingo, 1 de marzo de 2020

PABLO NOGUEIRA E A BANDA DE RAIMUNDA

O 27 de febreiro novamente recibimos na nosa biblioteca a visita do escritor PABLO NOGUEIRA. Esta vez quixo compartir un dos seus libros, concretamente "A BANDA DE RAIMUNDA", cos "rockeiros" e "rockeiras" de 2º de primaria. E dicimos rockeiros e rockeiras porque así viñeron vestidos para a ocasión: chaquetas de coiro, guitarras, teclados, gafas e ata perrucas trouxeron algúns deles. 
Da voz de Pablo escoitaron e compartiron interactuando a historia da ra Raimunda:

"A ra Raimunda ten a ilusión de formar un grupo de rock. Gústalle tocar a guitarra e cantar cancións que movan a xente á alegría, pero non sabe tocar e da súa gorxa só bule "croa, croa, croa". 
Coa axuda do oso Afonso e a súa batería, do mono de cor violeta Farruco e o seu piano, do caracol Sibemol e o seu saxofón, do esquío Uxío e o seu contrabaixo e do orgulloso sapo Eliseu e a súa  potente voz, consegue formar un equipo que respecta a diferenza e defende a solidariedade e igualdade entre as nenas e os nenos. Ela será a voa feminina dunha  espectacular banda de rock and roll".
(Sinopse extraída da páxina web de Baía Edicións). 
Os nenos e nenas déronlle a Pablo os debuxos que fixeran sobre a historia de Raimunda e el asinoulles de maneira personalizada o seu libro a cada un deles. 
Coma sempre foi unha estupenda xornada de achegamento, de compartir co propio autor unha das súas obras e de coñecer outros datos sobre el e a súa obra. Ao final ata unha nena fixo de presentadora e realizoulle unha pequena entrevista!


ENCONTRO CON PABLO NOGUEIRA.


Coma sempre, grazas Pablo e esperamos verte de novo compartindo connosco algunha das túas historias!.

sábado, 29 de febrero de 2020

DÍA DE ROSALÍA 2020

Este ano a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)  con motivo da celebracíón do DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO, elexiu o lema "ERRANTES POLO MUNDO" para destacar a denuncia que Rosalía fixo na súa obra da emigración, transmitindo a rabia, a dor e o desarraigo de todos aqueles que tiveron que marchar da súa terra buscando o pan e a liberdade; tema que por desgraza segue hoxe tan de actualidade no mundo.  
Quixemos traballar de forma colectiva un dos seus poemas máis significativos e ao mesmo tempo máis asequibles a todos os nenos e nenas pola súa sinxeleza  semántica e sintáctica e que tan ben transmite ese sentimento de dor pola marcha, o abandono de todo canto se quere e o temor á soidade nunha terra estraña: "ADIOS RÍOS, ADIOS FONTES". 
Os maiores prepararon unha pequena biografía (incluída unha caritura da escritora) e os distintos cursos escribiron e ilustraron con distintas técnicas unha estrofa deste poema tan coñecido, tan fermoso e ao mesmo tempo tan triste de ROSALÍA

domingo, 16 de febrero de 2020

MARIE CURIE

Os nenos e nenas de 5º de Educación Infantil estiveron traballando ao longo duns dous meses sobre a figura de MARIE CURIE. Este proxecto partiu como consecuencia dos experimentos que realizaron con motivo do mes da ciencia en galego. Tanto lles gustaron que querían ser científicos, así que  a profesora aproveitou o seu entusiasmo para traballar a figura desta gran científica. Con motivo da celebración do DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA, os pequenos quixeron presentarlles aos maiores de 6º de primaria o traballo realizado. 

Picade na icona que hai ao lado de cada número no póster que realizamos ente todos sobre MARIE CURIE para ver todo o traballo que fixemos:


(logo pechade cada ventá que se abre para acceder á seguinte icona do póster).

Deixámosvos tamén una presentación con imaxes do día da exposición:

EXPOSICIÓN: MARIE CURIE by Slidely Photo Gallery

martes, 11 de febrero de 2020

ENCONTRO CON HÉCTOR CAJARAVILLE

O 7 de febreiro foi un día moi interesante para os alumnos e alumnas de 5º de Educación Primaria que acudiron ao Liceo de Ourense para coñecer ao escritor Héctor Cajaraville. Previamente a este encontro xa leran un dos seus libros, concretamente, KUSUMA, que acadou o Premio Merlín de Literatura Infantil 2018.

O autor explicoulles como xurdira a idea de escribir KUSUMA, o seu significado, o por que de escribir de forma fabulada unha historia con problemas reais de hoxe en día: os refuxiados, os inmigrantes, a forza da comunidade, os estragos á natureza... 

Despois da súa narración, contestou a todas as preguntas que os rapaces e as rapazas lle fixeron sobre o seu libro e a súa forma de escribir e contar historias.
Tamén lles comentou que lle quedaran cousas pendentes nesta obra e que estaba contemplando a posibilidade de escribir unha segunda parte... 
Ao final asinoulles o exemplar do seu libro que levaba cada un deles cunha dedicatoria personalizada. 
Resultou un encontro moi entrañable e  que os rapaces e rapazas recordarán durante moito tempo pola atención, familiaridade e cariño con que Héctor os tratou. Agora esperan impacientes que se anime a escribir unha segunda parte!.  

ENCONTRO CO AUTOR: HÉCTOR CAJARAVILLE by Slidely Photo Gallery



Deixámosvos a reseña que a editorial Xerais fai sobre KUSUMA:



E por se queredes coñecer máis obras deste autor, aquí tedes outros libros que escribiu para público infantil e xuvenil:






 





lunes, 10 de febrero de 2020

VISITA NOVA BIBLIOTECA PÚBLICA DE OURENSE

O pasado 3 de febreiro os nenos e nenas de 1º e 2º de Educación Primaria visitaron as novas instalacións da Biblioteca Pública de Ourense. Ás portas da biblioteca foron recibidos por un dos seus bibliotecarios, Antón, que fixo de guía. 
Primeiro levounos á sala de infantil, onde están os libros adaptados a eles. Alí ordenados estaban os libros de aventuras, de poesía, de chistes... e ordenadores para facer consultas.  Nun recuncho había "pufs" e cadeiras de reis e raíñas e alfombras para sentarse e disfrutar da lectura. Alí, Antón explicoulles como se clasificaban os libros e os diferentes "tejuelos" para identificalos.  Foilles ensinando libros que sacaba dunhas maletas: algúns xa eran coñecidos para eles, outros eran novidosos e chamáronlles a atención grazas ao estupendo labor de Antón que soubo manter a súa atención cos seus xogos e amenas explicacións.
Tamén lles informou que podían levar libros de préstamo para as súas casas. Ata un máximo de 5 libros e 3 películas en DVD de cada vez.  Podían ter 21 días os libros nas súas casas e renovalos por outros 21 días se ninguén os pedira en reserva. As películas durante unha semana, renovables por outra. 
Finalmente viron parte das instalacións da nova biblioteca con espazos moi amplos e luminosos  e que como xa todos saberedes chamarase BIBLIOTECA PÚBLICA XERACIÓN NÓS. 

Aquí tedes unha ligazón onde nos explican como foi elexido ese nome:
Tamén vos deixamos outra ligazón para que vexades as salas, espazos e servizos cos que conta a nova bilioteca:

E unha última ligazón á páxina web da mesma:

VISITA BIBLIOTECA PÚBLICA by Slidely Photo Gallery

Xa só nos queda animar a todos e a todas a que visitedes as novas instalacións da bilioteca pública de Ourense e que fagades uso de todos os seus servizos. Un montón de libros están alí esperando por vós!!!.