domingo, 1 de marzo de 2020

PABLO NOGUEIRA E A BANDA DE RAIMUNDA

O 27 de febreiro novamente recibimos na nosa biblioteca a visita do escritor PABLO NOGUEIRA. Esta vez quixo compartir un dos seus libros, concretamente "A BANDA DE RAIMUNDA", cos "rockeiros" e "rockeiras" de 2º de primaria. E dicimos rockeiros e rockeiras porque así viñeron vestidos para a ocasión: chaquetas de coiro, guitarras, teclados, gafas e ata perrucas trouxeron algúns deles. 
Da voz de Pablo escoitaron e compartiron interactuando a historia da ra Raimunda:

"A ra Raimunda ten a ilusión de formar un grupo de rock. Gústalle tocar a guitarra e cantar cancións que movan a xente á alegría, pero non sabe tocar e da súa gorxa só bule "croa, croa, croa". 
Coa axuda do oso Afonso e a súa batería, do mono de cor violeta Farruco e o seu piano, do caracol Sibemol e o seu saxofón, do esquío Uxío e o seu contrabaixo e do orgulloso sapo Eliseu e a súa  potente voz, consegue formar un equipo que respecta a diferenza e defende a solidariedade e igualdade entre as nenas e os nenos. Ela será a voa feminina dunha  espectacular banda de rock and roll".
(Sinopse extraída da páxina web de Baía Edicións). 
Os nenos e nenas déronlle a Pablo os debuxos que fixeran sobre a historia de Raimunda e el asinoulles de maneira personalizada o seu libro a cada un deles. 
Coma sempre foi unha estupenda xornada de achegamento, de compartir co propio autor unha das súas obras e de coñecer outros datos sobre el e a súa obra. Ao final ata unha nena fixo de presentadora e realizoulle unha pequena entrevista!


ENCONTRO CON PABLO NOGUEIRA.


Coma sempre, grazas Pablo e esperamos verte de novo compartindo connosco algunha das túas historias!.