martes, 17 de diciembre de 2019

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O NADAL

Chegan as vacacións de Nadal e como todos os anos o Equipo da Biblioteca elaborou unha guía de lecturas que esperamos sexa do voso agrado e que disfrutedes de boas lecturas con toda a familia ao carón do lume nestes días de inverno. 
Cando escribades a vosa carta non vós esquezades de pedir algún libro como agasallo e  lembrádelle que  poden adquirilo nas librarías do voso barrio.




Tamén aproveitamos para desexarvos a todos:
BO NADAL
PRÓSPERO ANO 2020

CHEGA O NADAL

Xa chega O Nadal!!! Unha festa de reencontros con familiares e amigos, de compartir agasallos e de moitas celebracións cheas de ledicia e felicidade. Unha festa para vivir con intensidade todas as tradicións que se transmiten de xeracións en xeracións, de cantar panxoliñas e de renovar as ilusións e as esperanzas  que nos axuden a comezar o  Ano Novo con entusiasmo e optimismo.
Se picades no seguinte enlace atoparedes un banco de recursos con actividades sobre as festas do Nadal : Recursos educativos sobre O Nadal
Se queredes  saber máis cousas sobre o Nadal picade nas seguintes actividades LIM:
Feliz Nadal Infantil
Actividades Primaria
No seguinte video veremos o fermoso relato de Charles Dickens,  Conto de Nadal, no que se nos conta a historia dun tío e o seu sobriño na celebración das festas:


Na Biblioteca estivemos moi afaenados con obradoiros, sacando libros, colocando adornos...
Durante os recreos do mes de decembro os nenos e nenas do cole fixeron bonitos adornos con CDs para reciclar:

E así decoran a nosa árbore da entrada:

Para seguir co noso proxecto para este curso "Desplastifícate" presentamos outros vídeos para realizar adornos con botellas de plástico:



Dos andeis da biblioteca sacamos os libros coa temática do Nadal, esta é unha selección que podedes atopar no corredor da entrada e esperamos que gocedes coa súa lectura:



Disfrutade escoitando e vendo  estes videos de panxoliñas:





lunes, 9 de diciembre de 2019

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

O 3 de decembro celébrase en todo o mundo O DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE, declarado  pola Organización das Nacións Unidas en 1992.
Este ano o lema do mesmo é: "Participación e o  liderado das persoas con discapacidade: Axenda de Desenvolvemento 2030". 
Ademais de loitar para a inclusión das persoas con discapacidade e de que se acaden os seus dereitos plenos como seres humanos e o seu benestar, con este día trátase de concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida social, económica, cultural ...
No colexio recibimos a visita de Patricia, a nai de Julia (1º primaria) que unha vez máis colaborou connosco para darlle visibilidade a esta data  (aínda que xa estivo presente este tema na  "I SEMANA DA DIVERSIDADE e DA IGUALDADE" que acabamos de realizar). 
Patricia contoulle aos nenos e nenas de 1º cal era o seu traballo: ela era intérprete de lingua de signos nun colexio acompañando a nenos xordos. Quería explicarlles as dificultades que tiñan e como nós podíamos axudar a súa integración aprendendo a comunicarnos con eles.
Ensinoulles a facer cos dedos cada letra do abecedario en lingua de signos, logo as cores, os días da semana, os meses do ano, o nome de cada un... Tamén cantaron unha canción sobre os meses do ano axudándose da lingua de signos e colorearon un libriño con imaxes das cores en lingua de signos.


3 DE DECEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE. by Slidely Photo Gallery 


Queremos dar as grazas a Patricia que tantas veces ten colaborado connosco, nas últimas veces para bailar e cantar cancións axudados pola lingua de signos para diversas actuacións. Esperamos contar con ela moitas máis!.


Este é o ABECEDARIO DACTILOLÓXICO ESPAÑOL




lunes, 2 de diciembre de 2019

NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional impulsou, outro ano máis, durante o mes de novembro a celebración anual do MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Se picades no seguinte enlace atoparedes toda a información sobre este evento:  MES DA CIENCIA EN GALEGO
Este ano creamos na nosa biblioteca O Recuncho dos Investigadores:




E foron os pequenos e pequenas de infantil os que o estrearon:



A partir do conto Pequeno azul e pequeno amarelo descubrimos a cor verde.














Aprendemos palabras moi difíciles como microscopio, a través do que vimos unha abella.

















Cunha lupa observamos unha xoaniña.


Puxemos os lentes  dos científicos.
Descubrimos que eles usaban batas igual ca nós, pero as deles eran brancas.

auga, aceite, colorante e unha pastilla efervescente


Botámoslle aceite  á auga da nosa probeta, tres partes de aceite e unha de auga. Deixámolos repousar un pouco. Coas nosas gafas de científicos vimos que non se mesturaban.
Botamos colorante.... Pero tampouco se mesturaban!!

Pero cando metemos na probeta a pastilla efervescente...

    Fixemos a nosa lámpada de lava!!




CONTACONTOS: PABLO NOGUEIRA E NUBE BRANCA

O día 28 tivemos unha visita moi especial na nosa biblioteca: o escritor PABLO NOGUEIRA veu contarnos a historia de NUBE BRANCA QUERE SER ASTRONAUTA!!.
Os nenos e nenas de 1º e os pequerrech@s de infantil de 4 e 5 anos estiveron preparando con antelación esta visita e esperaban con moitas gañas a Pablo.

Ata preparamos un tipi, xa sabedes, esas "casiñas" onde viven os indios, porque NUBE BRANCA era unha nena india moi especial e os nenos e nenas querían ver como era a súa casa e meterse nela para escoitar e ler historias como a súa.

Chegou Pablo e contounos a historia de NUBE BRANCA e a dos amigos que quixeron axudala, o ELEFANTE CACHARRANTE, o CAMALEÓN ANTÓN, a TARTARUGA CLARISA...  a cumprir os seus desexos de ser unha astronauta e coñecer as estrelas do ceo. Pablo fixo que todos e todas sopraran para axudar ao ELEFANTE CAHARRANTE a espirrar coa súa gran trompa e tratar de achegar a NUBE BRANCA ao ceo, tamén fixo que axudaran a acender a moto coa que intentarían achegarse ás estrelas, e ata repetiron as palabras máxicas para invocar a choiva que inundaría todo para poder navegar, chegar ao mar e quizais así NUBE BRANCA podería alcanzar por fin o seu desexo...


CONTACONTOS: PABLO NOGUEIRA E NUBE BRANCA by Slidely Photo Gallery

Xa de volta da aventura que acababan de vivir, os nenos e nenas entregáronlle a Pablo uns agasallos que prepararan para el con moito cariño:
Os maiores de 1º déronlle un libro onde plasmaron os seus soños: policía, veterinario, médico, rapeiro... se NUBE BRANCA os coñecera seguro que os animaría a cumprilos como intentou ela cos seus. 
Os pequen@s de 4 anos debuxaron a historia de NUBE BRANCA e os seus amigos e tamén debuxaron a Pablo e a eles mesmos. Están feitos uns artistazos!!. Pablo quedou encantado con estes agasallos!!



SEGURO QUE A NUBE BRANCA TAMÉN LLE ENCANTARÍA O LIBRO SOBRE OS SEUS SOÑOS!!

NUBE BRANCA VISTA POLOS NEN@S DE 4 ANOS 

      E MIRADE COMO PLASMARON OS NEN@S DE 1º OS SEUS!!



Pero Pablo aínda tivo outro agasallo: O SEU RETRATO, fíxollo Antón de 4 anos, e a verdade... Dálle un certo parecido, Pablo quedou encantado!!. 


E para rematar, Pablo asinou un montón de libros para os nenos e nenas, tamén para as profes, cunhas dedicatorias moi especiais  e feitas con moito cariño. 


MIRADE O QUE ESCRIBIU PABLO SOBRE A SÚA VISITA NAS REDES SOCIAIS:



MOITAS GRAZAS PABLO, ESPERAMOS VERTE MOI PRONTO CONTÁNDONOS OUTRA DAS TÚAS MARABILLOSAS HISTORIAS. 

domingo, 1 de diciembre de 2019

OBRADOIRO PARA O NADAL

Estamos no mes de decembro, o mes das festas do NADAL!!
O Equipo da Biblioteca está argallando novas e divertidas actividades. Comezamos desenvolvendo nos recreos deste mes o IV Obradoiro de Nadal no que, como cada ano, aproveitando materiais de refugallo, faremos reciclaxe para elaborar adornos propios destas datas.  Esperámosvos na biblioteca.

miércoles, 27 de noviembre de 2019

I SEMANA DA DIVERSIDADE E DA IGUALDADE

Coincidindo nestes días de novembro coa celebración, o día 20, do  Día Universal Do Neno e o día 25, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, celebramos no colexio a I SEMANA DA DIVERSIDADE E DA IGUALDADE, tratando de impulsar e promover a convivencia, a tolerancia e  o respecto ás diferenzas, valorándoas como un factor de enriquecemento, co fin de acadar valores e actitudes conducentes á igualdade de trato e oportunidades e a non discriminación, tanto dende a perspectiva de xénero como dende a diversidade. 

  I SEMANA DA DIVERSIDADE E DA IGUALDADE     

Empezamos o luns 18 de novembro e ata o día 25, realizamos diferentes actividades:

- OBRADOIROS: impartidos por Tatiana, orientadora do cole,  e Idoya, mestra de PT. Xogos para entender a diversidade, o aillamento que sofren as persoas por ser diferentes, a aceptación das diferenzas e a inclusión. Talleres sobre os estereotipos sexistas (xoguetes, tarefas na casa...), a violencia machista... Intercambio de experiencias e debates. 

OBRADOIROS SOBRE A DIVERSIDADE E A IGUALDADE by Slidely Photo Gallery

- SESIÓNS DE LECTURAS E CONTACONTOS: seleccionáronse libros coa temática da igualdade e o respecto á diversidade. Realizáronse sesións de contacontos e/ou lecturas na biblioteca e nas diferentes aulas. 



A nai de Teo (un alumno de 5 anos), foi a encargada de contarlles aos máis pequenos de 3 anos unha historia de autoestima e aceptación: "ORELLAS DE BOLBORETA".

Os maiores de 6º A acudiron ás aulas dos pequenos e pequenas de 4 anos para contarlles as historias: "GRANDE" e "MARTÍN GRIS".



Os rapaces e rapazas de 6º B inventaron a historia "UNHA OKUPA NO GALIÑEIRO" (relacionándoa co proxecto de Voz Natura NOS SEUS ZA-PATOS). Fixeron unha primeira presentación da mesma que lle pasaron aos pequenos de 5 anos e logo continuaron na zona onde temos os patos, na pequena carballeira do patio do cole.




Noutras aulas, ben os profesores, ben os alumnos, leron e contaron algunha destas historias:







- PROXECCIÓN DE CURTAS E PELÍCULAS: tamén dunha selección entregada a cada curso, proxectáronse curtametraxes e películas nas que a sensibilización sobre a diversidade, a valoración dun mesmo e da aceptación das diferenzas, o respecto, así como a non discriminación e rexeitamento de calquera maltrato eran os temas principais. 

Nestes enlaces podedes visualizar algunhas das que se proxectaron:
- El puercoespín en Navidad
- El cazo de Lorenzo
- Por cuatro esquinitas de nada
- No te rayes, inclusión.
- Un mundo a su medida.
- La desigualdad de género no es un juego de niños.
- Cambia de cuento. Caperucita Roja.
- Igualdad de género. Coeducación.
- Por el principio.
- Igualdad de género. 
- Cuerdas.
- Ian. 
- Lolo, un conejo diferente. 
- Sésamo: Diversidad 


- CANCIÓNS E BAILES: nun acto conxunto cantamos e bailamos cancións sobre a igualdade e a diversidade.
- Canta con Panda la canción de la igualdad. 
- Yo estoy muy orgulloso. 


E con motivo da celebración do DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER, eleximos un lema, que se plasmou nun mural e que cada neno reproduciu libremente. Tamén nun acto conxunto cantamos e bailamos expresando o noso desexo de que se termine este grave problema.




Estas foron as cancións que cantamos e bailamos:
- Un billón en pie
- Que bonito es querer 



DÍA INTERNACIONAL DE ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER by Slidely Photo Gallery

lunes, 25 de noviembre de 2019

25 DE NOVEMBRO



 O 25 de novembro celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres para denunciar a violencia que se exerce sobre a muller en todo o mundo e para reclamar políticas en todos os países para a súa erradicación.
Se queredes saber por que se elixiu este día picade no seguinte enlace: Por que o 25 de novembro?
A escola debe contribuír a errdicar esta violencia educando na igualdade opoñéndose a todo tipo de violencia tanto física como verbal,  facendo respectar os dereitos das nenas e das mulleres, fomentando unha relación afectuosa entre os seus membros e empregando modelos e mensaxes  cooperativos e dialogantes.
Este curso para sensibilizar a todo o alumnado sobre a igualdade, o respecto aos demais e a non violencia desenvólvese a I SEMANA DA DIVERSIDADE E DA IGUALDADE.
No seguinte enlace atoparedes recursos para traballar este día:
Un conto para os mais pequenos:



Vídeo para traballar o maltrato psicolóxico:

Saca un cartón vermello ao maltratador:




martes, 19 de noviembre de 2019

DIA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DA INFANCIA

O 20 de novembro conmemoramos o Día  Internacional dos Dereitos do Neno, coñecido tamén como  o Día Universal dos Dereitos da Infancia, coincidindo co aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno no ano 1989.
 Se queredes coñecer por que se celebra e  cales son os dereitos picade no seguinte enlace: Dia Universal da Infancia
A conmemoración desta data serve para concienciar á sociedade de que os nenos e as nenas  son o colectivo mais vulnerable, principalmente en situacións de crise e de problemas. Este día lémbranos  que os nenos teñen dereito a estar seguros e protexidos e que teñen dereito á saúde e á educación independentemente do lugar no que naceran. 
Para  traballar sobre este importante tema comezaremos por saber cales son  os dereitos dos nenos e nenas co seguinte video de Mafalda:


Nos seguintes enlaces atoparedes recursos e activiades para traballar neste día:
Día Dos dereitos da Infancia
Dereitos do neno
RAYUELA
Convidámosvos a ollar estes videos sobre os Dereitos da Infancia:





Dereitos dos nenos contados polos nenos


Cancións sobre os Deitos da Infancia








domingo, 3 de noviembre de 2019

EXPOSICIÓN DE CABAZAS

Como xa vos informamos, estivemos realizando nos recreos o xa tradicional obradoiro de cabazas polo Samaín. Unha vez decoradas ao gusto de cada quen, fixemos a exposición das mesmas na entrada do colexio.

Terroríficas, divertidas, orixinais, simpáticas... bótadelle unha ollada e dádenos a vosa opinión!!

viernes, 1 de noviembre de 2019

A VERBATECA

O 29 de outubro realizamos a actividade  A VERBATECA (o laboratorio das palabras), actividade enmarcada dentro das actividades de animación á lectura por medio da oralidade que promove o Concello de Ourense.
Unha "pirata" trouxonos o seu tesouro:  un cofre cheo de verbas galegas coas que xogamos: xogos de observación, xogos de resposta corporal  e verbal, adiviñas, xogos de traballo en grupo, xogos de memoria... con temáticas variadas: as cores, os animais, as personaxes dos contos... 
Os pequenos e pequenas de 4 e  5 anos participaron de forma activa na actividade, interactuando e respondendo positivamente a todas as propostas da pirata "Malapata" que tratou de fomentar a súa imaxinación e creatividade, potenciando tamén o traballo en equipo (varias das actividades requerían o traballo en pequeno grupo, por parellas, por tríos...) e soubo manter unha relación afectiva con eles. Destacar tamén o fomento da nosa lingua co enriquecemento do vocabulario dos máis cativos. 

Como podedes ver na seguinte presentación a actividade foi todo un éxito:


A VERBATECA by Slidely Photo Gallery

E ao final a pirata Malapata agasallou a todos os nenos e nenas cun cofre cun regalo máxico: un saquiño con verbas en galego que levaron para as súas casas. E a súa tarefa será seguir aumentando o seu tesouro de verbas coa axuda das súas familias, amigos, compañeiros... 



lunes, 28 de octubre de 2019

XA CHEGA O SAMAÍN

Chegou o outono e con el chegan  as chuvias, as castañas, os días curtos e as noites longas... Xa vén o Samaín!!!  Chega o tempo dos defuntos, das cabazas, dos demos, bruxas e curuxas!!! Chega o tempo de pasar moito, moito MEEDO!!!
Se  queredes coñecer a súa historia picade  no seguinte enlace: SAMAÍN
Para celebrar esta data, que tanto vós gusta, o Equipo da Biblioteca deseñou diferentes actividades que esperamos sexan do voso agrado:
Preparamos no corredor da entrada unha pequena selección de  libros para que os levedes para a casa e o pasedes de medo lendo historias de terror.
Estes son  algúns dos libros  que podedes atopar:


LIBROS DE MEDO

Convocamos o VII Concurso dos Contos de  Medo tal e como podedes ler no taboleiro do LIBRÍN:

Estamos desexando coñecer as vosas historias!!!

Durante os recreos destas semanas desenvolvéronse os Obradoiros de cabazas nos que participaron nenos e nenas de todos os cursos:


Podedes atopar recursos nos seguintes enlaces:
Recursos para o SAMAIN
OS BOLECHAS E O SAMAIN
SAMAIN:Actividades LIM
Desfrutade vendo e escoitando os seguintes videos: