lunes, 29 de abril de 2019

SEMANA DO LIBRO

Para conmemorar o Día do Libro e dos Dereitos de Autor no colexio desenvolvéronse diferentes actividades:
1- Os pequenos e pequenas de 4º de Infantil levaron á Biblioteca as latas onde xermiñan os carballos que estiveron sementando fai uns días e alí  recibiron a Xosé e a súa dona (os avós  da súa compañeira Sara).
Recitoulles un  fermoso poema que el lle escribira  a un  carballo.  Despois faloulles do feliz que era no seu pobo coidando as cen árbores froiteiras que ten na súa finca, plantando leitugas e tomates coa súa neta, escoitando aos paxaros. Explicoulles como se plantan as árbores e os nenos tamén lle contaron as súas experiencias agrícolas, como sementaban as patacas, os allos e os chícharos. Foi unha experiencia moi emotiva e enriquecedora para todos. 



2- Os nenos e nenas de 3º de Primaria tamén escoitaron o poema de Xosé  e mantiveron con el unha charla sobre o mundo das árbores.  Coa sabedoría que dan os anos e a experiencia foilles contando anécdotas da súa vida, do seu traballo na sega de Castela, as súas experiencias en Alemaña.
Faloulles da importancia de coidar os montes e de como as árbores foran unha fonte de riqueza nos tempos pasados.

Para ilustrar o que lles estaba contando quíxolles ler unha proclama que el escribira, como non tiña os lentes, Marcos ofreceuse voluntariamente para lerlle  aos nenos a proclama que el fixera, nela falaba que coa árbores facíanse as trabes das casas, os carros e os arados, os mobles e utensilios e  de como se convertían en cartos, vendendo a súa madeira, cando había necesidades. Animounos a coidar e a disfrutar dos montes.

Slidely Photo Gallery



3- Os nenos e nenas de 5º de infantil despois de ver o vídeo "O Quixote para nenos" no que coñeceron a Don Quixote, a Sancho Panza, a  Dulcinea e a Rocinante:  


Desenvolveron un obradoiro no que elaboraron estes fermosos marcapáxinas:




4- VI Apadriñamento lector
Un ano máis os padriños e madriñas colleron aos seus afillados e na hora de ler contáronlles un conto. Cada parella elexiu a zona do patio do colexio que máis lles gustou: na pequena carballeira, na zona de xogos ou simplemente sentados na herba do xardín... alí gozaron deste momento tan especial onde non só se comparten libros e historias, tamén ledicia, amizade e cariño. 


APADRIÑAMENTO LECTOR 2019 by Slidely Photo Gallery

martes, 23 de abril de 2019

DIA INTERNACIONAL DO LIBRO

Coma todos os anos o día 23 de abril celebraremos o Día Internacional do Libro e do Dereito do Autor. Unha conmemoración que se celebra en todo o mundo desde os principios do século XX. Se queredes coñecer por que se celebra esta este día picade no seguinte enlace: DÍA DO LIBRO: POR QUE SE CELEBRA O 23 DE ABRIL?
Para celebrar este día desde a Biblioteca temos preparadas  moitas e variadas actividades que desenvolveremos ao longo de toda a semana:
-VI Apadriñamento lector
- Relatos de historias contadas polos avós e polos pais e nais dos nosos alumnos
- Elaboraremos a árbore dos libros.
Nos seguintes enlaces atoparedes recursos para celebrar este día:



Como en anos anteriores a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional editou un díptico para conmemorar este día  e para elo acudiu á poeta, narradora, profesora e académica Marilar Aleixandre quen xenerosamente cedeu un poema para esta pequena peza de difusión do Día do Libro sobre a lectura coma unha viaxe ao fondo das preguntas. Se queredes coñecer o texto picade no seguinte enlace: DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2019

Ollade estes vídeos para o fomento da lectura  no Día Internacional do Libro:







sábado, 20 de abril de 2019

A FÓRMULA DAS EMOCIÓNS

O pasado 12 de abril tivemos no cole un taller sobre emocións para o alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria, taller impartido pola doutora en intelixencia emocional Lisa Maneiro. 
Considérase o pai da intelixencia emocional ao psicólogo Daniel  Goleman que publicou en 1995 o libro "A INTELIXENCIA EMOCIONAL" e que marcou un antes e un despois na comprensión das distintas intelixencias. Na escola sempre se traballou a intelixencia racional, descoidando as emocións e a súa xestión. 
O concepto de intelixencia emocional fai referencia á capacidade para recoñecer os sentimentos propios e alleos para obter determinados fins. Para Goleman a intelixencia emocional implica cinco capacidades básicas: descubrir as emocións e sentimentos propios, recoñecerlos, manexarlos, crear unha motivación propia e xestionar as relacións persoais.  
No taller realizado no centro a doutora Lisa Maneiro, mediante contos e xogos, tratou de que os nenos e nenas comprenderan como manexar as emocións que nos xorden en distintas situacións da vida, como afrontar os fracasos ...como a clave é a actitude, aprender dos erros, pensar sempre en positivo, a confianza, a meditación, saber vivir e non facer sufrir. 


A fórmula das emocións by Slidely Photo Gallery

Deixámosvos dous enlaces moi interesantes para coñecer máis sobre este tema:

 

viernes, 12 de abril de 2019

CONTACONTOS CON SABELA


Menuda sorpresa levaron todos os nenos de infantil!!! Cando baixaron ao salón de actos... estaba  agardando por eles Sabela Gago para desenvolver, por cortesía da Editorial SM, unha sesión de contacontos.
Esta vez, dunha maneira lúdica e interactiva, fixo unha adaptación do libro: "Martín e o lapis máxico",  dunha maneira maxistral fíxolles ver aos nenos que deixando voar a  imaxinación e cun lapis poden divertirse e  facer multitude de xogos para nunca sentirse sós.

Foi unha experiencia moi divertida e interesante que estamos desexando volver repetir.



Nieves Rodriguez Vazquez de Slidely Gallery by Slidely Photo Gallery

LECTURA INFANTIL

Seguimos celebrando o mes de abril  coa lectura de diferentes libros aos nenos máis pequenos do cole.
 Esta vez os alumnos de 4ºA, Hugo e Ainhoa, foron á clase de 4º de infantil para ler con todos o libro: "A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza ".
Despois de ler o libro e de observar as diferentes láminas fixeron cos nenos xogos de memoria que tiñan preprados.
Todos disfrutaron con esta experiencia



jueves, 4 de abril de 2019

LECTURAS DÍA DO LIBRO INFANTIL


Ao longo desta semana , para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil,  desenvolveranse ,  na hora de ler, nas clases de infantil sesións de lectura na que nenos e nenas de primaria lle lerán aos  nenos e nenas de infantil os libros que seleccionamos .

 África, unha alumna de 1º de Primaria, leulle aos nenos e nenas de 5º de Infantil o libro: "Te Quiero Abuelo". Todos estiveron moi atentos e participaron na lectura comentando as súas historias cos seus avós. Ao rematar todos debuxaron o que lles gusta facer co seu avó. Os debuxos estarán expostos no corredor da biblioteca na sección As Nosas Lecturas. Pasade a mirar que artistas son todos eles. 
 Esta é unha pequena mostra da sesión de lectura:

lectura te quiero abuelo

Mirade cantas cousas fan os nenos cos seus avós

miércoles, 3 de abril de 2019

ABRIL: MES DOS LIBROS

 Como xa é habitual o mes de abril ten como protagonista aos libros, xa que durante este mes hai dúas datas moi significativas relacionadas cos libros e coa lectura.
Desde o ano 1967, o día 2 de abril,  conmemorando o nacemento de Hans Christian Andersen, celebramos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, co ánimo de inculcarlle o amor polos libros aos máis cativos.
O día 23  e abril celebramos o Día Internacional do Libro e dos Dereitos do autor, data que coincide co falecemento de Miguel de Cervantes, de Shakespeare e de Garcilaso de la Vega.
Para celebrar estas datas o Equipo da Biblioteca ten programadas diferentes actividades que se desenvolverán ao longo de todo o mes : lecturas compartidas, apadrinamento s lectores.. para alentar aos máis cativos a descubrir o pracer da lectura.
Se picades no seguinte enlace LIBROS QUE TODOS OS NENOS DEBEN LER atoparedes sete libros que todo neno/nena menor de doce anos debería ler.
Que é capaz de inventar unha historia para esta curta?


Disfrutade ollando as seguintes curtas