Continuando coas charlas sobre O Camiño realizadas ao longo do mes de maio, tamén temos que destacar as que impartiron Carlos López Blanco e Ana Rosa Cid que viñeron a explicarlles aos rapaces e ás rapazas de 4º, 5º e 6º de primaria, que ademais das tradicionais formas de facer o Camiño (a pé, a cabalo ou en bicicleta) había unha cuarta forma moi orixinal de realizalo: en "kayak" .
Partindo de San Vicente do Mar, realizaron o seu percorrido en kayak a través da Ría de Arousa, facendo distintas etapas entre as illas desta ría, continuando logo polo río Ulla ata Padrón e facendo os últimos tramos do camiño xa a pé, ata chegar a Santiago de Compostela.
![]() |
Segundo a tradición, os restos do Apóstolo foron traídos a Galicia polo Mediterráneo e entraron a Galicia pola Ría de Arousa e o río Ulla ata chegar a Iria Flavia, para ser trasladados finalmente a Santiago.
Ademais de explicarlles a súa experiencia cos kayaks, as súas dificultades e vantaxes, tamén lles falaron do significado do Camiño, das diferentes rutas, dos símbolos... e tiveron que contestar a unha morea de preguntas que lles fixeron os nenos e nenas sobre esta forma, que a maioría non coñecía, de realizar O Camiño.