miércoles, 8 de febrero de 2017

ANIMACIÓN Á LECTURA: CONTADORES DE HISTORIAS

Un bo contador de contos en xeral, e sobre todo para nenos, é aquel que sabe transmitir unha historia con paixón, que sabe captar a atención do público, mantelo marabillado e expectante, que emprega todo o seu corpo para transmitir, sabe improvisar, é creativo, sabe xogar, interactuar ...
O resultado á primeira vista e que os nenos pasano xenial; pero se esta actividade é continua na aula, na casa... axudaremos a desenvolver a súa imaxinación e a súa creatividade e animarémolos a querer saber máis historias, a buscalas  e, co tempo, a lelas por sí mesmos cando xa adquiren esta habilidade.

Dende a biblioteca tratamos de fomentar este tipo de actividades, promovendo sesións de contacontos entre os nenos (os maiores len aos máis pequenos lecturas en Nadal, polo día da Paz, realizamos  "o apadriñamento lector"... ), temos relatos con kamishibai, que realiza connosco todos os anos un antigo profesor do centro, e tamén nos acollemos a calquera iniciativa que nos permita traer un bo contador de contos ao centro, como ocorreu estas dúas últimas semanas:

- O 27 de xaneiro visitounos a famosa actriz e contadora de contos SABELA GAGO. Tróuxonos ao cole as historias de CANCODRILO, un animaliño humanizado e infantil, que se parece a un neno que empeza a aprender e coñecer o que ocorre ao seu arredor. Sabela contounos como se prepara para ir á escola, coa súa mochila e a súa gravata, que colle na horta e sobre todo, como pinta e usa as cores... e todo isto coa axuda dos pequenos e pequenas de infantil que aplaudiron, sopraron, ergueron as mans, pintaron cos seus dedos-pinceis, riron, xogaron, imaxinaron...
<

Grazas á colaboración do Concello de Ourense e á editorial Linteo (ollo unha editorial ourensá!!) xa temos na biblioteca os cinco libros que compoñen a colección de Cancodrilo que foi escrita por Xabier López Mateos. 

- O 3 de febreiro foi IAGO LÓPEZ, outro estupendo contador de historias, o que nos visitou para contarnos esta vez unha historia da súa inventiva "O COCIÑEIRO MARTIÑO". Cantas penas ten que pasar o pobre Martiño para conseguir ser o cociñeiro real!! Menos mal que contou coa axuda dos nenos de infantil e de 1º e 2º curso que se prestaron voluntarios para axudalo:
Na primeira sesión Sebas foi o pastor que lle deu manteiga, Nair a granxeira que lle deu ovos, Manuel o muíñeiro que lle deu fariña, Ainhoa a veciña que lle deu azucre e Lucía a panadeira que lle deu o fermento para facer un rico biscoito... 
E na segunda sesión, Brais, Carla, Joel, Ainhoa e Aitana foron os axudantes de Martiño.
Pero se queredes saber como Martiño conseguiu o seu propósito de ser o cociñeiro do rei, non tedes máis que vir á biblioteca a ler a historia...
E se alguén se anima a ser un bo contador de historias, aquí deixamos uns enlaces moi interesantes: