jueves, 28 de abril de 2016

III APADRIÑAMENTO LECTOR

Co gallo da celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO, ademais das actividades xa reseñadas, realizamos a 3ª edición da actividade denominada APADRIÑAMENTO LECTOR. Programada en principio para o día 22 de abril, foi suspendida por causa das previsións de mal tempo e realizouse finalmente o luns 25 de abril
Coma en anos anteriores, os alumnos e alumnas "padriños e madriñas" (alumnos/as de 3º, 4º , 5º e 6º de Educación Primaria), foron buscar aos seus afillados/as (nenos e nenas de educación infantil, 1º e 2º de primaria) as súas respectivas aulas e leváronos ata o patio do colexio; como nos acompañou o bo tempo, alí colocáronse en distintas zonas do mesmo. Cada padriño/madriña leulle ao seu afillado/a ou afillados/as un conto que escolleran previamente, ensináronlles tamén as ilustracións, fixéronlles preguntas e nalgúns casos ao final o afillado/a tamén lle leu a historia ao seu padriño/madriña... Todos os rapaces e rapazas mostraron a súa satisfación e ledicia por este momento tan especial de convivencia e de compañeirismo, no que todos se sentiron importantes e gozaron xuntos coa lectura.