sábado, 25 de abril de 2015

DÍA MUNDIAL DO LIBRO

Esta semana foi a semana da festa dos libros no cole, e na biblioteca tivemos moito movemento, exposición de libros cun montón de novidades, dúas sesións de contacontos, segunda edición do apadriñamento lector e... moitas visitas por parte dos nosos alumnos/as, sinal de que os libros e a biblioteca forman parte da vida cotiá do centro.

O luns comezamos coa nosa exposición "En abril libros mil", da que xa falamos en novas anteriores.
O martes tivemos dúas sesións de contacontos, unha para 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e outra para 1º e 2º de Educación Primaria.

A fantástica actriz Sabela Gago engaiolou aos nenos/as coas súas historias "As maletas viaxeiras"

"Entre maleta e maleta, a contadora implica aos nenos para facer unha viaxe entre os libros que os levará por cidades de todo o mundo, ata chegar a China e coñecer a Melisa. Entre todos axudarán á ratiña a averiguar “quen é o ser máis poderoso do Mundo” e na busca da verdade visitarán ao sabio Chín-Lú e viaxarán polo ceo para atopar ao Sol, ao Vento e á Nube e regresar a Muralla Chinesa, que garda o segredo. Un divertimento entre a palabra e a imaxinación , que convida a xogar e aprender"
(Sinopse da obra na páxina web oficial de Sabela Gago)

Coma sempre Sabela conseguiu captar a atención de todos os nenos/as, facéndoos ademais partícipes das súas historias mediante xestos, sons, accións... Moitas grazas Sabela polo teu traballo e ata pronto...

E o xoves 23 celebramos a segunda edición do "Apadriñamento Lector", despois do recreo, os padriños e madriñas foron ás diferentes clases a buscar aos seus afillados e afilladas para baixar ao patio do colexio. Alí sentáronse libremente e contaron os seus contos ... Ademais dunha actividade de animación á lectura, favorecemos as relacións interpersoais, a responsabilidade, a cooperación...