Mostrando entradas con la etiqueta ANIMACIÓN LECTURA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ANIMACIÓN LECTURA. Mostrar todas las entradas

martes, 27 de abril de 2021

DÍA DO LIBRO 2021: APADRIÑAMENTO VIRTUAL

Todos os anos ao chegar estas datas facíamos unha das nosas actividades preferidas: O APADRIÑAMENTO LECTOR. O curso pasado xa foi diferente e foron as familias as que fixeron de padriños e madriñas para lerlle aos nenos e nenas nas súas casas.  
Este ano, tamén tivemos que realizalo de forma diferente ao non poder xuntarnos e ter que manter as aulas "burbulla": fixemos un apadriñamento virtual. 
Os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de primaria foron os padriños e madriñas que lles leron aos máis pequenos do cole diferentes contos que previamente gravaron nun vídeo e que logo foron proxectados nas diferentes aulas.
A experiencia resultou moi positiva, pero esperamos o vindeiro curso facelo ao xeito "antigo" para que a actividade resulte máis entrañable e os afillados e as afilladas  gocen sentindo a cercanía do seu padriño ou da súa madriña e viceversa.

Aquí tedes os contos que se gravaron e proxectaron. Dos deles fan referencia ao CAMIÑO DE SANTIAGO, dado que este é o tema do noso proxecto anual. 

- BO CAMIÑO, VALENTIÑO! 


- CANTO TE QUERO, PROFE!


- MAROSA E MARIÑA CAMIÑAN A COMPOSTELA 


- A VACA QUE PUXO UN OVO 

jueves, 8 de abril de 2021

SESIÓN DE CONTACONTOS: EL ÚLTIMO ÁRBOL

Despois da volta das vacacións, o 6 de abril, os pequenos e pequenas de infantil tiveron unha grata sorpresa no cole: unha sesión de contacontos cunha historia centrada no medio ambiente, na súa defensa e coidado, e na importancia que ten para todos nós.

EL ÚLTIMO ÁRBOL, de María Quintana Silva, foi a historia que escoitaron os nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos en diferentes sesións (esta vez cada grupo dentro de cadansúa aula) e na que participaron activamente, interactuando coa contacontos que lles fixo partícipes da historia. 

"As árbores decidiron marcharse. Goran ve como o bosque se vai transformando nun deserto e preguntase tamén se a árbore do seu xardín xa se marcharía. Cando chega á casa, atópaa xusto a tempo para poder convencela de que se quede...".

Na seguinte presentación tedes unha selección de fotos dos momentos vividos durante as diferentes sesións:


Podedes escoitar o conto visualizando o seguinte vídeo: 


Os pequenos e pequenas remataron a sesión bailando e cantando ao ritmo da seguinte canción que nos fala de salvar o Planeta:

viernes, 12 de febrero de 2021

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN

Os pasados 8 e 10 de febreiro, en sesións de 2 horas cada sesión, os alumnos e alumnas de 4º de primaria participaron no obradoiro: "ILUSTRACIÓN: SENTIDOS E SIMPLICIDADE". 

Sentidos e simplicidade foi un obradoiro no que se traballou a expresión das emocións a través da ilustración das sensacións producidas por unha música a través de todos os sentidos (vista, olfato, tacto, oído e kinestésico). Xogando con diferentes texturas, formas e cores, e empregando a técnica do collage, cada neno e nena elaborou unha pequena obra en forma de libro.  

O taller foi impartido por Laura Tova, ilustradora galega, que os foi guiando no proceso. A partir dunha música elaboraron cinco ilustracións centradas cada unha delas nos 5 sentidos. Así, o primeiro día, empezaron elaborando a portada e crearon 2 personaxes: un con forma de ave e outro con forma de gato e traballaron un dos sentidos. 
O segundo día realizaron as seguintes ilustracións centrándose nos  sentidos restantes. 
Os nenos e as nenas participaron activamente e con entusiasmo no obradoiro, e segundo as súas palabras, quedaron con gañas de máis!. 












 

Para coñecer o labor desta gran ilustradora, podedes acceder á súa páxina web:

sábado, 23 de enero de 2021

ENCONTRO CON ANTÍA YÁÑEZ

Fai, máis ou menos, dous meses chegaron as nosas mans os libros cos que íamos participar nos ENCONTROS CO AUTOR/A  deste ano. En canto comezamos a ler "PLAN DE RESCATE" de ANTÍA YÁÑEZ, que por certo está na biblioteca do centro, cautivounos... "profe é divertidísimo", "e... aparecen "tacos", "profe eu xa o lin en dous días", "encántame a parte das escopetas", ¨´lese rapídísimo"... 

O tema de que uns nenos da aula de apoio se convertesen en rescatadores dun secuestro no colexio tamén lles encantou. 
Despois investigamos algo sobre a autora, saber que era galega e que xogaba ao Among Us (un dos videoxogos preferidos dos alumnos de 5º) fixo que non pensaran máis que en coñecela. E ao final chegou o día, estaban moi nerviosos, pero a visita de Antía non os defraudou, deixou de lado a presentación que tiña preparada e dedicouse a contestar todas as preguntas que tiñamos sobre o libro, sobre o proceso de elaboralo, sobre ela, sobre como comezou a escribir... soupolles a pouco. Se puidesen quedarían con ela toda a mañá. Así que só nos queda repetir desde aquí: grazas polo libro e pola visita!





Este é o libro que lemos:



PLAN DE RESCATE gañou o III Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2020. "Conta as aventuras de Xeila, Heitor, Aldán e Noela mentres traballan na aula de apoio da súa escola. Oen un estrondo, e a profesora, Xoana, desaparece cando que vai comprobar que pasou. Onde estará? E o resto do colexio? Por que anda a policía fóra?"

E estes son outros libros de Antía Yáñez. Animádevos a coñecelos!:








domingo, 20 de diciembre de 2020

EN NADAL, UN LIBRO PARA AGASALLAR!!

Un ano máis xa temos as nosas recomendacións lectoras para este NADAL un pouco diferente ao doutros anos, pero sempre cheo de maxia, de ilusión e de bos momentos para compartir en familia. E que mellor forma que coa lectura? 

Aquí vos deixamos as nosas recomendacións: libros en galego, en castelán, en inglés, de divulgación, para os máis pequenos, para os "máis" lectores... todos cheos de historias que vos encantarán e coas que gozarades, olvidándonos un pouco desta situación tan difícil que nos tocou vivir. Non vos esquezades de pedir como agasallo un libro (ou dous!) a Papa Noel, aos Reis Magos e/ou ao Apalpador, seguro que a eles lles encantará vir cargados de libros!! 


BO NADAL a tod@s!! 




viernes, 4 de diciembre de 2020

EXPOSICIÓN DE LIBROS DE NADAL

Coma todos os anos ao chegar esta época, facemos unha exposición con libros propios das datas de NADAL, época de soños, de ilusións, de alegría, de panxoliñas e cánticos, de bos desexos...  que se reflicten na temática dos citados libros, pero tamén non faltan os misterios, a creatividade, a tristura, as aventuras, as historias que nos fan reflexionar... 

Podedes botarlle unha ollada no corredor que conduce á entrada da nosa biblio e, levalos emprestados para a casa, se queredes lelos con calma:






domingo, 1 de noviembre de 2020

LEMOS CONTOS DE MEDO

Coma todos os anos, xa estamos en marcha co noso concurso de CONTOS DE MEDO, que xa vai pola súa VIII edición. Os alumnos e alumnas de 5º de primaria xa teñen case listos os seus e, aproveitando estes días de SAMAÍN, léronlle ao resto de compañeiros da clase os contos por eles xa realizados, nun ambiente acorde co que a situación requería...


sábado, 31 de octubre de 2020

100 LIBROS DE MEDO E MISTERIO...

Neste Samaín, ademais de facer a tradicional exposición de contos de medo na entrada da nosa biblioteca, quixemos facer unha gran recompilación de libros nos que está presente o mundo máxico das pantasmas, das bruxas, dos vampiros, dos monstros...  e nos que o medo e o misterio son os protagonistas (aínda que ás veces, nalgúns deles, tamén ten cabida o humor e a  tenrura). 

Na seguinte presentación podedes ver dita recompilación, que redondeamos ata 100! (aínda que temos algúns cantos máis!). 

 

Esperamos que gocedes con estas "terroríficas e misteriosas" lecturas que vos están agardando na nosa biblioteca. 

domingo, 19 de enero de 2020

NOA NO ESPELLO, UN CONTO SOBRE IGUALDADE

O 17 de xaneiro contamos no noso centro coa presenza de Sabela Gago que nos contou a historia de Noa, Uxía e Antón: "NOA NO ESPELLO", unha historia sobre a igualdade de xénero.
Noa é unha nena á que lle gusta ler contos de superheroes, asubiar, xogar á pelota..., en cambio a Uxía gústalle bailar, ler contos de princesas... a Antón gústalle xogar coas espadas.. 
Cada un de nós temos o noso propio gusto, tamén todos somos diferentes como Noa observa: uns máis baixos, outros de pel escura, outros teñen pencas... . 
A través desta historia e por medio da imaxinación que Sabela sabe espertar nos nenos e nenas mediante música, xogos de linguaxe, de repetición, coreografías, mímica... interactuando en todo o momento con eles, intenta ensinarlles ao final como temos que enfrontarnos á crítica e como podemos chegar a vencela, superando os nosos propios medos. E que facer o que a un lle gusta é o mellor para sentirse feliz. 



NOA NO ESPELLO by Slidely Photo Gallery

Os nenos e nenas viviron uns momentos moi especiais, como son sempre con Sabela, que sabe captar a súa atención e os fai partícipes das súas historias, espertando a súa imaxinación e a súa sorpresa nuns momentos lúdicos e moi emotivos para eles.

martes, 17 de diciembre de 2019

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O NADAL

Chegan as vacacións de Nadal e como todos os anos o Equipo da Biblioteca elaborou unha guía de lecturas que esperamos sexa do voso agrado e que disfrutedes de boas lecturas con toda a familia ao carón do lume nestes días de inverno. 
Cando escribades a vosa carta non vós esquezades de pedir algún libro como agasallo e  lembrádelle que  poden adquirilo nas librarías do voso barrio.




Tamén aproveitamos para desexarvos a todos:
BO NADAL
PRÓSPERO ANO 2020

lunes, 2 de diciembre de 2019

CONTACONTOS: PABLO NOGUEIRA E NUBE BRANCA

O día 28 tivemos unha visita moi especial na nosa biblioteca: o escritor PABLO NOGUEIRA veu contarnos a historia de NUBE BRANCA QUERE SER ASTRONAUTA!!.
Os nenos e nenas de 1º e os pequerrech@s de infantil de 4 e 5 anos estiveron preparando con antelación esta visita e esperaban con moitas gañas a Pablo.

Ata preparamos un tipi, xa sabedes, esas "casiñas" onde viven os indios, porque NUBE BRANCA era unha nena india moi especial e os nenos e nenas querían ver como era a súa casa e meterse nela para escoitar e ler historias como a súa.

Chegou Pablo e contounos a historia de NUBE BRANCA e a dos amigos que quixeron axudala, o ELEFANTE CACHARRANTE, o CAMALEÓN ANTÓN, a TARTARUGA CLARISA...  a cumprir os seus desexos de ser unha astronauta e coñecer as estrelas do ceo. Pablo fixo que todos e todas sopraran para axudar ao ELEFANTE CAHARRANTE a espirrar coa súa gran trompa e tratar de achegar a NUBE BRANCA ao ceo, tamén fixo que axudaran a acender a moto coa que intentarían achegarse ás estrelas, e ata repetiron as palabras máxicas para invocar a choiva que inundaría todo para poder navegar, chegar ao mar e quizais así NUBE BRANCA podería alcanzar por fin o seu desexo...


CONTACONTOS: PABLO NOGUEIRA E NUBE BRANCA by Slidely Photo Gallery

Xa de volta da aventura que acababan de vivir, os nenos e nenas entregáronlle a Pablo uns agasallos que prepararan para el con moito cariño:
Os maiores de 1º déronlle un libro onde plasmaron os seus soños: policía, veterinario, médico, rapeiro... se NUBE BRANCA os coñecera seguro que os animaría a cumprilos como intentou ela cos seus. 
Os pequen@s de 4 anos debuxaron a historia de NUBE BRANCA e os seus amigos e tamén debuxaron a Pablo e a eles mesmos. Están feitos uns artistazos!!. Pablo quedou encantado con estes agasallos!!



SEGURO QUE A NUBE BRANCA TAMÉN LLE ENCANTARÍA O LIBRO SOBRE OS SEUS SOÑOS!!

NUBE BRANCA VISTA POLOS NEN@S DE 4 ANOS 

      E MIRADE COMO PLASMARON OS NEN@S DE 1º OS SEUS!!



Pero Pablo aínda tivo outro agasallo: O SEU RETRATO, fíxollo Antón de 4 anos, e a verdade... Dálle un certo parecido, Pablo quedou encantado!!. 


E para rematar, Pablo asinou un montón de libros para os nenos e nenas, tamén para as profes, cunhas dedicatorias moi especiais  e feitas con moito cariño. 


MIRADE O QUE ESCRIBIU PABLO SOBRE A SÚA VISITA NAS REDES SOCIAIS:



MOITAS GRAZAS PABLO, ESPERAMOS VERTE MOI PRONTO CONTÁNDONOS OUTRA DAS TÚAS MARABILLOSAS HISTORIAS. 

viernes, 1 de noviembre de 2019

A VERBATECA

O 29 de outubro realizamos a actividade  A VERBATECA (o laboratorio das palabras), actividade enmarcada dentro das actividades de animación á lectura por medio da oralidade que promove o Concello de Ourense.
Unha "pirata" trouxonos o seu tesouro:  un cofre cheo de verbas galegas coas que xogamos: xogos de observación, xogos de resposta corporal  e verbal, adiviñas, xogos de traballo en grupo, xogos de memoria... con temáticas variadas: as cores, os animais, as personaxes dos contos... 
Os pequenos e pequenas de 4 e  5 anos participaron de forma activa na actividade, interactuando e respondendo positivamente a todas as propostas da pirata "Malapata" que tratou de fomentar a súa imaxinación e creatividade, potenciando tamén o traballo en equipo (varias das actividades requerían o traballo en pequeno grupo, por parellas, por tríos...) e soubo manter unha relación afectiva con eles. Destacar tamén o fomento da nosa lingua co enriquecemento do vocabulario dos máis cativos. 

Como podedes ver na seguinte presentación a actividade foi todo un éxito:


A VERBATECA by Slidely Photo Gallery

E ao final a pirata Malapata agasallou a todos os nenos e nenas cun cofre cun regalo máxico: un saquiño con verbas en galego que levaron para as súas casas. E a súa tarefa será seguir aumentando o seu tesouro de verbas coa axuda das súas familias, amigos, compañeiros... 



lunes, 21 de octubre de 2019

MOCHILAS VIAXEIRAS

Un ano máis as mochilas viaxeiras xa andan rulando polas casas do noso alumnado. É unha iniciativa para ler en familia e compartir as lecturas no tempo de lecer. Unha actividade de fomento da lectura que implica ás familias e que proporciona un motivo de encontro entre os distintos membros desta, tomando como motivo o mundo dos libros e da lectura.
Todo o alumnado desde 3º de Educación Infantil ata 6º de Educación Primaria terán  na súa casa, durante unha semana,  a mochila cargada con libros en galego e castelán (adaptados á idade de cada neno), libros para adultos, cómics, revistas de divulgación científica e un pendrive coa bibliografía e videos do noso Proxecto Documental Integrado: "Desplastifícate ".
Esperamos que vos faga a mesma ilusión recibilas nas vosas casas que a nós enchelas de soños e gañas de aprender... E a mesma ilusión coa que os nenos e nenas recibiron a mochila na nosa Biblioteca:

lunes, 17 de junio de 2019

LECTURAS PARA O VERAN

Rapaces, pasiño a pasiño...xa chegamos ao verán!!! Chegaron ás esperadas vacacións, un tempo no que toca descansar despois do esforzo de todo o curso, pero non vos esquezades de ler todos os días un pouquiño, xa sexa na praia, no campo ou á sombriña de calquera árbore!  Os mestres do equipo da biblioteca facémosvos unha proposta dos libros que a nós como lectores nos gustaron, pero encantaríanos que vos achegarades ás librarías e lle botarades unha ollada á nosa selección e que elixades os libros que vos gusten a vós para que disfrutedes de boas e divertidas lecturas este verán.



jueves, 30 de mayo de 2019

NOVAS LECTURAS






Os nenos e nenas de 1ºEP recibiron unha grata sorpresa, Fátima, a nai de Teo, quixo compartir con eles a lectura de dous libros:
- O Bruxo Camuñas que de dedicaba a asustar e comer aos nenos e que  conseguiu cortar as unllas grazas á astucia dunha nena que se chamaba Blanca.
A mensaxe principal de Camuñas xira en torno á astucia, como cualidade que é capaz de converter ao mais débil no mais forte. Este libro tamén nos deixa a mensaxe de que, de vez en cando,  temos que mirarnos a nós mesmos para que ninguén nos engane facéndonos crer que somos doutra maneira.
- O Capitán Calabrote,  trata dun pirata que vivía tranquilamente retirado nunha illa deserta na que agochaba un  tesouro ata que un día chegou á illa outro pirata que tamén quería agochar o seu cofre, unha historia moi tenra e entrañable que remata coa celebración da amizade e un canto ao afecto.
Despois da lectura dos libros o rapaces fixeron o compromiso de que ían buscar o tesouro que cada quen levaba dentro, íanno escribir nunha frase e colocalo nun sitio ben visible.
Tal e como se pode ver nas seguintes imaxes foi unha lectura moi fructífera


jueves, 9 de mayo de 2019

NOVAS LECTURAS

Fátima, a mamá de Teo de 5º de Infantil, acudiu á biblioteca para desenvolver cos nenos de 5º  e de 6º de Educación Infantil dúas sesións de lectura nas que lles contou a historia da Bruxa mala. 
Folla a folla foi contando  e interpretando as accións tan perversas que facía esta bruxa;  pero  tamén lles contou que ela coñecía a bruxas moi boas que facían pócimas para axudarlle á xente, Trouxo herbas, e o alambique co que fa os perfumes, os nenos estaban impresionados e prestaron moita atención a todos os consellos que ela lles foi dando, colleron as plantas, cheiraron os perfumes, fixeron preguntas.... Qedaron encantados coa súa interpretación!
Moitas grazas por facer que os nenos se emocionen coa lectura!!


Nieves Rodriguez Vazquez de Slidely Gallery by Slidely Photo Gallery

sábado, 20 de abril de 2019

A FÓRMULA DAS EMOCIÓNS

O pasado 12 de abril tivemos no cole un taller sobre emocións para o alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria, taller impartido pola doutora en intelixencia emocional Lisa Maneiro. 
Considérase o pai da intelixencia emocional ao psicólogo Daniel  Goleman que publicou en 1995 o libro "A INTELIXENCIA EMOCIONAL" e que marcou un antes e un despois na comprensión das distintas intelixencias. Na escola sempre se traballou a intelixencia racional, descoidando as emocións e a súa xestión. 
O concepto de intelixencia emocional fai referencia á capacidade para recoñecer os sentimentos propios e alleos para obter determinados fins. Para Goleman a intelixencia emocional implica cinco capacidades básicas: descubrir as emocións e sentimentos propios, recoñecerlos, manexarlos, crear unha motivación propia e xestionar as relacións persoais.  
No taller realizado no centro a doutora Lisa Maneiro, mediante contos e xogos, tratou de que os nenos e nenas comprenderan como manexar as emocións que nos xorden en distintas situacións da vida, como afrontar os fracasos ...como a clave é a actitude, aprender dos erros, pensar sempre en positivo, a confianza, a meditación, saber vivir e non facer sufrir. 


A fórmula das emocións by Slidely Photo Gallery

Deixámosvos dous enlaces moi interesantes para coñecer máis sobre este tema:

 

viernes, 12 de abril de 2019

LECTURA INFANTIL

Seguimos celebrando o mes de abril  coa lectura de diferentes libros aos nenos máis pequenos do cole.
 Esta vez os alumnos de 4ºA, Hugo e Ainhoa, foron á clase de 4º de infantil para ler con todos o libro: "A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza ".
Despois de ler o libro e de observar as diferentes láminas fixeron cos nenos xogos de memoria que tiñan preprados.
Todos disfrutaron con esta experiencia



jueves, 4 de abril de 2019

LECTURAS DÍA DO LIBRO INFANTIL


Ao longo desta semana , para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil,  desenvolveranse ,  na hora de ler, nas clases de infantil sesións de lectura na que nenos e nenas de primaria lle lerán aos  nenos e nenas de infantil os libros que seleccionamos .

 África, unha alumna de 1º de Primaria, leulle aos nenos e nenas de 5º de Infantil o libro: "Te Quiero Abuelo". Todos estiveron moi atentos e participaron na lectura comentando as súas historias cos seus avós. Ao rematar todos debuxaron o que lles gusta facer co seu avó. Os debuxos estarán expostos no corredor da biblioteca na sección As Nosas Lecturas. Pasade a mirar que artistas son todos eles. 
 Esta é unha pequena mostra da sesión de lectura:

lectura te quiero abuelo

Mirade cantas cousas fan os nenos cos seus avós