Mostrando entradas con la etiqueta apadriñamento. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta apadriñamento. Mostrar todas las entradas

sábado, 2 de mayo de 2020

APADRIÑAMENTO LECTOR NA CASA 2020

Xa temos aquí o vídeo co resumo das imaxes que nos fostes mandando da actividade APADRIÑAMENTO LECTOR NA CASA que celebramos con motivo do DÍA MUNDIAL DO LIBRO. 
Grazas a todos por participar e xa sabedes, un libro axúdanos a levar mellor esta situación na que nos atopamos. Todos os días debemos gardar un tempo para o noso momento de lectura, xa sexa sós ou acompañados.



domingo, 29 de abril de 2018

ACTIVIDADES NA SEMANA DO LIBRO

E velaiquí o resumo dalgunha das actividades realizadas con motivo da celebración DA SEMANA DO LIBRO:

- V APADRIÑAMENTO LECTOR: 
Xa un clásico no noso centro, actividade demandada polos nenos e nenas, pequenos e maiores, aos que lles encanta compartir este momento de lecer no que todos se senten un pouco protagonistas  e importantes. Uns por ser os "padriños" que contan e ensinan aos máis pequenos, querendo captar a súa atención e querendo sacarlles un sorriso ou unha mirada de admiración ou asombro coa historia que lles están relatando. E os "afillados" porque se senten queridos e amparados por un "maior", compartindo entre os dous un momento especial no que se fomentan as relacións interpersoais.
Como, tamén un ano máis o tempo quixo acompañarnos, os nenos e nenas repartíronse ao longo do patio do centro: na zona verde do patio dianteiro, na zona da entrada, nos patios cubertos posteriores e na pequena carballeira coa que contamos.


- EXPOSICIÓN DE LIBROS ANTIGOS:
Enlazando co proxecto documental integrado que levamos a cabo este curso no que facemos especial fincapé no noso patrimonio tanto monumental, coma cultural ou inmaterial, organizamos unha exposición sobre libros antigos.
Moitos foron aportados por distintos membros da nosa comunidade educativa e outros forman parte dos fondos da nosa biblioteca onde contamos cunha sección que chamamos "HISTÓRICA" na que imos xuntando aqueles libros que consideramos xa demasiado antigos para ser expostos nos andeis de lectura, pero que polas súas características (antigüidade, temática, rareza...) consideramos que debemos "salvar" e gardar como curiosidades. 


Exposición libros antigos by Slidely Photo Gallery

- LENDO XUNTOS: tesouros de papel 
Tamén en relación co noso proxecto "AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E PEDRA" e os ENCONTROS 4X (4 XERACIÓNS) realizamos a actividade ”TESOUROS DE PAPEL”.
Para desenvolver esta actividade convidamos ás familias dos cativos de Educación Infantil a que viñeran á escola para lerlles ou contarlles un conto aos nenos e nenas da aula na que está o seu fillo ou filla. 
A partir desta actividade xurdiu outra, que nos animou a descubrir o conto ou o libro preferido dalgún membro da nosa familia, ese texto que leu fai moitos anos e nunca puido esquecer. 
E así foron chegando diferentes pais e nais, avoas que traian os seus TESOUROS DE PAPEL para presentalos na escola, ante a atenta mirada de todos e todas que non perderon detalle...

Moitas grazas a todos: papás, mamás e avoas  que viñeron á escola para compartir con todos nós os seus tesouros de papel.

miércoles, 26 de abril de 2017

IV APADRIÑAMENTO LECTOR

Entre as actividades programadas para celebrar a semana do libro, destacamos un ano máis o APADRIÑAMENTO LECTOR, que xa vai pola súa cuarta edición debido ao éxito que ten cada curso entre os cativos. 
O luns, 24 de abril, na hora de ler, os padriños e madriñas (alumnos de 6º, 5º. 4º e 3º de primaria) foron buscar ás aulas aos seus afillados e afilladas (nenos e nenas de 2º e 1º de primaria, e 4º, 5º e 6º de infantil), que xa esperaban impacientes,  e leváronos aos diferentes patios do centro, onde cada grupo buscou o seu recuncho preferido:  na nosa mini-carballeira, na zona dianteira ao lado de FRIOLÍN (mascota de Voz Natura), ao lado das árbores que plantaran o 24 de marzo... 
Alí os padriños leron o libro escollido ao seu afillado ou afillados e disfrutaron dese momento conxunto cheo de emocións, no que se fomentan, entre outros valores, as relacións interpersoais entre todos os nenos e nenas do centro. 
O tempo tamén quixo acompañarnos ese día cun sol espléndido, no que se fundiron os murmurios das palabras co canto dos paxaros que parecían tamén querer contar as súas historias.  

IV APADRIÑAMENTO LECTOR by Slidely Photo Gallery

jueves, 28 de abril de 2016

III APADRIÑAMENTO LECTOR

Co gallo da celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO, ademais das actividades xa reseñadas, realizamos a 3ª edición da actividade denominada APADRIÑAMENTO LECTOR. Programada en principio para o día 22 de abril, foi suspendida por causa das previsións de mal tempo e realizouse finalmente o luns 25 de abril. 
Coma en anos anteriores, os alumnos e alumnas "padriños e madriñas" (alumnos/as de 3º, 4º , 5º e 6º de Educación Primaria), foron buscar aos seus afillados/as (nenos e nenas de educación infantil, 1º e 2º de primaria) as súas respectivas aulas e leváronos ata o patio do colexio; como nos acompañou o bo tempo, alí colocáronse en distintas zonas do mesmo. Cada padriño/madriña leulle ao seu afillado/a ou afillados/as un conto que escolleran previamente, ensináronlles tamén as ilustracións, fixéronlles preguntas e nalgúns casos ao final o afillado/a tamén lle leu a historia ao seu padriño/madriña... Todos os rapaces e rapazas mostraron a súa satisfación e ledicia por este momento tan especial de convivencia e de compañeirismo, no que todos se sentiron importantes e gozaron xuntos coa lectura.

sábado, 25 de abril de 2015

DÍA MUNDIAL DO LIBRO

Esta semana foi a semana da festa dos libros no cole, e na biblioteca tivemos moito movemento, exposición de libros cun montón de novidades, dúas sesións de contacontos, segunda edición do apadriñamento lector e... moitas visitas por parte dos nosos alumnos/as, sinal de que os libros e a biblioteca forman parte da vida cotiá do centro.

O luns comezamos coa nosa exposición "En abril libros mil", da que xa falamos en novas anteriores.
O martes tivemos dúas sesións de contacontos, unha para 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e outra para 1º e 2º de Educación Primaria.

A fantástica actriz Sabela Gago engaiolou aos nenos/as coas súas historias "As maletas viaxeiras". 

"Entre maleta e maleta, a contadora implica aos nenos para facer unha viaxe entre os libros que os levará por cidades de todo o mundo, ata chegar a China e coñecer a Melisa. Entre todos axudarán á ratiña a averiguar “quen é o ser máis poderoso do Mundo” e na busca da verdade visitarán ao sabio Chín-Lú e viaxarán polo ceo para atopar ao Sol, ao Vento e á Nube e regresar a Muralla Chinesa, que garda o segredo. Un divertimento entre a palabra e a imaxinación , que convida a xogar e aprender". 
(Sinopse da obra na páxina web oficial de Sabela Gago)

Coma sempre Sabela conseguiu captar a atención de todos os nenos/as, facéndoos ademais partícipes das súas historias mediante xestos, sons, accións... Moitas grazas Sabela polo teu traballo e ata pronto...

E o xoves 23 celebramos a segunda edición do "Apadriñamento Lector", despois do recreo, os padriños e madriñas foron ás diferentes clases a buscar aos seus afillados e afilladas para baixar ao patio do colexio. Alí sentáronse libremente e contaron os seus contos ... Ademais dunha actividade de animación á lectura, favorecemos as relacións interpersoais, a responsabilidade, a cooperación...


miércoles, 23 de abril de 2014

APADRIÑAMENTO LECTOR
Como actividade de animación á lectura e con motivo da celebración do Día do Libro, realizamos no colexio o "Apadriñamento Lector". Os padriños e madriñas (nenos/as maiores) léronlle contos aos seus afillados/as (nenos/as máis pequenos). Fóronse colocando por parellas en distintos recunchos do patio e disfrutaron deste tempo lector. Foi unha actividade moi gratificante, na que se fomentou non só o pracer da lectura, senón outros valores como:  a cooperación, a responsabilidade, o compañeirismo...